martes, 18 de septiembre de 2012

Curiosamente O grupo "Pao de buxo" existe grazas a alguén que non quixo ser gaiteiro...
    Alá polo verán do ano 2002 Manolo Fidalgo estaba nun xantar co seu cuñado, integrante do grupo "Bico da Balouta" de Agolada, e este comentoulle que encargaran unha gaita de Seivane para alguén que ía aprender a tocar con eles e que finalmente se botara atrás. Manolo, que nunca tocara unha gaita na sua vida, ofreceuse para mercala... e voltou para Saídres cunha gaita de fol e unha cinta casete con varios temas gravados polo seu cuñado para ir aprendendo... Aínda resoan nos oídos dalgúns veciños os terríbeis sons que aquela gaita botou pra afora. Pero pasado o exorcismo inicial e con moitas horas de práctica aquelo comezou a soar algo.
    Un día, falando na taberna con Sabino Pérez, este suxeriulle que había que facer un grupo de gaiteiros na parroquia e buscar un profesor. Manolo falou con todos aqueles que considerou que podían estar interesados, e finalmente arredor dunha ducia de persoas mostráronse dispostas a seguir o nobre camiño da música tradicional galega.E como mestre pensou en Manuel Fernández Alén, gaiteiro de Xirandola e ex compoñente do mítico e extinto grupo "A folla revirada", con quen fixou unha reunión para o día 19 de Setembro, día da romaría da Saleta en Siador. Seguramente por ser festivo á reunión so acudiron tres persoas. Malia a todo decidiron comezar as clases e facelas tódolos mércores. Fixéronse uns estatutos para darlle personalidade xurídica ó invento (co nome xenérico "Gaiteiros de Saídres")..E houbo a ducia de asistentes...E comezaron a aprender.
    E aprendendo aprendendo chegou o día de Reis de 2003 no que se fixo a primeira actuación para o público!! Apadriñados por "Bico da Balouta" subiron ó palco do campo da festa:

    - Ás gaitas: Manolo Fidalgo, Javier Filloy, Diego Órrea, Juan Salgueiro, e o mestre Manuel Fernández Alén.
    - Ó tamboril: José Antonio García "Toño da Taberna"
    - Ó bombo: Manuel Castro "Manolo de Blanco"
    - Ás pandeiretas: Elena Areán e Adriana Rey, co apoio de Maite Casal de Xirandola.

    Despois desta primeira actuación continuaron os ensaios, mércores tras mércores, e decidiuse que había que facer uns traxes tradicionais. O obxectivo era que estiveran para estrear na festa do San Xoán, que é a festa de Saídres...E estiveron, iso si, bastante xustos de tempo pero estiveron. Previamente á festa de Saídres houbo ocasión de foguearse participando nos IV Encontros de Música tradicional en Carboeiro, cita que seguimos mantendo ó longo dos anos.
    En canto ó nome "Pao de buxo", foi adoptado no ano 2004 e superou por un estreito marxe de 1 voto a outras opcións que había (entre elas "Curro da Beria", "Os randeas de Saídres", seguir sendo "Gaiteiros de Saídres"... e outros mais que quedaron esquecidos)
    E así ata hoxe... que é 19 de Setembro, día da Saleta, coma hai 10 anos. Como en tódolos grupos algunha xente mudou. Uns marcharon e outros viñeron. A formación actual do grupo é:

    - Ás gaitas: Manolo Fidalgo, Diego Órrea, Juan Salgueiro, e Manuel Fernández Alén.
    - Ó tamboril: Xosé Luis Pájaro "Paxaro"
    - Ó bombo: José Antonio García "Toño da Taberna"
    - Ás pandeiretas: Adriana Rey, Cruz Rey.
    - Ó acordeón: Leticia López.

 E como o imos celebrar???... pois a foliada de 10º aniversario xa a fixemos, e hoxe é mércores, e como case tódolos mércores dende hai 10 anos imos facer aquelo que facemos os mércores...ensaiar e tocar!! (e se cadra tomamos algo na de Concha, que dez anos non se fan tódolos días!!!)